31.7.26

Pechamos por vacacións


Estamos no noso período de descanso. 

Nos primeiros días de setembro publicaremos na páxina web e nas nosas redes sociais a información precisa para o comezo de curso: día de presentación, horarios, aulas...

Ata entón, desfrutade do verán e recargade as pilas para comezar con moitas ganas!

Fin de curso 25-26


Durante o mes de xullo estivemos traballando para preparar o curso 26-27. 

Despedímonos ata o martes 1 de setembro. 

AQUÍ tedes as imaxes de final de curso, das vosas coreografías e da vosa participación no videoxogo creado por Marga, profe de Instalacións de Telecomunicacións. 

Desfrutade moito do que queda de verán. 

Vémonos en setembro!

Proxecto "Sinaléptica e fabricación aditiva para mellorar a contorna"

Presentámosvos a nova sinaléptica exterior do centro, creada polo alumnado e profesorado do Ciclo de Especialización en Fabricación aditiva. Estes paneis servirán para guiar, informar e orientar as persoas que veñen ao centro. 

Os novos carteis están elaborados en acero inoxidable e, para a súa fabricación, no Ciclo de Especialización empregaron a impresión 3D en material ASA por ser máis resistente á calor e á intemperie. 


3.7.26

Maruxía 32 está a piques de ver a luz

O alumnado de 4º da ESO da materia de TIC, capitaneado por Cristovo Balseiro, estivo traballando intensamente nestes últimos días para rematar a maquetación da revista. 
 
O resultado está xa preparado, aínda que a súa presentación e entrega terán lugar á volta das vacacións.
 
Mentres agardamos ese momento, queremos desvelar a portada desta edición, unha magnífica creación de Uxía Oroza Combarro, alumna de 4º da ESO. Parabéns, Uxía, polo teu excelente traballo! 
 
Moi pronto poderedes descubrir todo o contido de Maruxía 32.

Proxecto Neo.15 - Fin do curso 25-26

Un curso de radio cheo de voces, aprendizaxes e experiencias compartidas 

Ao longo do curso 2025-2026, o programa de radio escolar consolidouse como un espazo de aprendizaxe, divulgación e encontro no que alumnado e profesorado tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade que nos rodea a través de entrevistas, reportaxes e seccións elaboradas integramente polo alumnado. 

Desde outubro ata xuño emitíronse un total de 34 programas, nos que participaron máis de 77 persoas convidadas procedentes de ámbitos moi diversos. A lingua e a literatura galegas estiveron moi presentes con programas dedicados ao Día Europeo das Linguas, ao Día da Tradución, ao Día das Escritoras, aos neofalantes, ás Letras Galegas, á toponimia ou ao patrimonio da Mariña. Polos nosos micrófonos pasaron escritoras, investigadores, profesionais da tradución, docentes, representantes da Real Academia Galega e persoas comprometidas coa promoción da nosa lingua e cultura. 

A ciencia tamén ocupou un lugar destacado. Coñecemos o traballo de neurocientíficas, estatísticas, biólogas, investigadoras e divulgadoras. Radio Saúde Burela foi outro dos grandes eixes da tempada. Dedicamos numerosos espazos a promover hábitos de vida saudables e a resolver dúbidas sobre temas como a hixiene postural, a saúde afectivo-sexual, o coidado da pel, a saúde visual, as vacinas, as alerxias, o autismo ou a síndrome de Tourette, contando coa colaboración de médicos, enfermeiras, farmacéuticos, psicólogos, ópticos e outros profesionais sanitarios. 

Ao longo do curso tamén viaxamos a través da historia, da música, do cine, do patrimonio e das tradicións. Achegámonos á historia de Sargadelos, descubrimos Mondoñedo e o patrimonio da Mariña, celebramos os Premios Mestre Mateo, o Día do Libro e o aniversario de CUAC FM, coñecemos diferentes oficios tradicionais e entrevistamos persoas vinculadas ao ámbito educativo, artístico e cultural. 

Como é habitual, cada programa completouse con seccións fixas elaboradas polo alumnado, como A noticia do día, Pílulas das Ciencias, A palabra do mes, O corpo fala, Mulleres na historia, Micro Aberto e outras colaboracións especiais que enriqueceron cada emisión e permitiron ao alumnado desenvolver competencias comunicativas, dixitais e de traballo en equipo. 

O curso rematou cunha programación centrada na oferta educativa do centro, na celebración do 40 aniversario do Hospital Público da Mariña, na Revista Galega de Educación e nun emotivo programa dedicado á xubilación de Neves, poñendo o broche final a unha tempada intensa e chea de aprendizaxes. 

Neste curso, o equipo da radio escolar seguiu medrando coa incorporación de novo alumnado e profesorado. Nas sesións da tarde sumáronse estudantes de 1º e 2º da ESO: Xabi, Eloi, Eric, Eneko, Gael, Nadia, Carla, Dylan e Hugo, que participaron activamente na elaboración dos programas. 

Pola súa banda, nas gravacións das mañás colaborou alumnado de PDC, Oratoria, Anatomía Aplicada e dos ciclos de Formación Profesional Básica, de grao medio e de grao superior da familia profesional de Administración, contribuíndo especialmente á preparación e realización das entrevistas. 

O equipo docente tamén se ampliou coa incorporación de María, Yoni e Dani, cuxa participación reforzou a organización e o desenvolvemento do proxecto radiofónico ao longo do curso. 

Grazas ao compromiso do alumnado, do profesorado responsable, de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa, e de todas as persoas convidadas que aceptaron compartir o seu tempo e os seus coñecementos cos nosos micrófonos, Proxecto Neo continúa consolidándose como un proxecto educativo de referencia, aberto á comunidade e comprometido coa nosa lingua, a divulgación, a cultura e a educación.

Karina Parga Chao

 

Rematamos a 15ª edición de Proxecto Neo cun xantar de confraternidade entre os integrantes de Masa Coral Modelo Burela. 

Aquí están as fotos da entrega de diplomas aos colaboradores de Proxecto Neo 25-26. (faltan o alumnado de Anatomía e dos ciclos)

Premio Aulas limpas: visita ás illas Cíes para o grupo gañador


O martes 30 de xuño o grupo de 3º ESO A visitou as illas Cíes como premio por gañar o concurso Aulas limpas, que se desenvolve durante todo o curso. 

A súa iniciativa de propoñer esta viaxe a un espazo protexido, como é un Parque Nacional, pareceunos moi axeitada e iniciamos os preparativos para a visita. Para entrar nas illas cómpre ter unha autorización da Xunta de Galicia, a cal é nomitativa, polo que teñen que constar, a nivel individual, os datos de cada persoa que quere ir ás Cíes. Sen estes permisos nin sequera se poden comprar os billetes do barco que realiza o transporte de viaxeiros. 

Chegar ao porto de Vigo leva 3 horas desde Burela. Cando chegamos alí, o tempo era espléndido, aínda que na Mariña, e en gran parte do traxecto, estivo nubrado. 

O percorrido no barco dura uns 45 minutos e, malia que non o parecía, ía vento e o catamarán movíase bastante sobre as ondas, xusto antes de chegar á illa. Desembarcamos e comezamos a nosa ruta guiados por Daniel Irimia, profesor de Bioloxía e Xeoloxía. O camiño iníciase na illa Norte ou de Monteagudo, que é a onde chega o barco de pasaxeiros e de aí partimos, pasando polo espigón, a lagoa e a praia para dirixirnos ao faro, xa na illa do Medio ou do Faro. Chegamos ata o Faro da Porta, pero como a mediodía as temperaturas xa eran moi altas, decidimos volver cara á praia de Rodas, tamén debido a que a marea xa estaba subindo e despois podía ser difícil atravesar o espigón e bordear a lagoa. 

Daniel foinos explicando datos sobre a fauna e flora da illa. Desde o barco vimos golfiños e xa na illa observamos peixes besta ("ballesta"), badeixas, muxes...; distintos tipos de algas, plantas e aves. É incrible o atrevidas que son as gaivotas nas Cíes. Mentres estabamos na praia, foron capaces de abrir a cremalleira dalgunha mochila e sacar unha friameira con comida do seu interior. Ademais, atrevéronse con algunha prenda de roupa e algunha toalla. Está prohibido darlles de comer. Do contrario, collen aínda máis confianza e xa non as quitas de riba. Pero todo isto, ao final, fíxonos rir e foron anécdotas que levamos para contar. 

Chegou o momento da viaxe de volta, despois de coñecer un espazo protexido e dunha agradable tarde de praia. Embarcamos rumbo a Vigo, onde nos esperaba o noso querido condutor, José Luis, para coller o autobús. Aínda quedaban varias horas para chegar a Burela.

Desde a organización de Aulas limpas, estamos moi satisfeitos da constancia que demostrastes vós e todos os grupos que estiveron tamén a moi bo nivel para manter as aulas máis limpas e ordenadas. O instituto é, durante bastantes horas ao día, o lugar no que traballades e convivides e vós sodes quen o podedes facer un espazo agradable. A orde e a limpeza tamén axudan ao benestar. 

Moitos parabéns!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Miruca Parga Valiña - Vicedirectora


13.6.26

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar

Grazas a AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) pola vosa visita ao noso departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro de Burela. Coma tódolos anos foi unha xornada chea de emocións sinceras, na que aprendemos que o coidado comeza sempre cun xesto pequeno: unha mirada atenta, unha palabra doce, unha caricia que respecta a dignidade. A vosa presenza converteu a aula nun espazo de encontro humano, onde o tempo se mide pola calidez do trato e non polo reloxo. 

Esta experiencia axuda a derrubar prexuízos e a desestigmatizar a enfermidade. Compartir xuntos peiteados, conversas e sorrisos fixo visible que, máis alá dos esquecementos, permanece a auténtica persoa, co seu mundo e a súa importante historia. Vémolo no brillo dos seus ollos, na confianza que nace cando hai agarimo e respecto. Aprendemos que a beleza tamén é acompañar, escoitar e dar seguridade. 

Para o noso alumnado, traballar neste contorno real convértese nunha lección inesquecible de educación e de vida. Practicaron técnicas, si, pero sobre todo practicaron valores: empatía, paciencia, responsabilidade, acompañamento, coidado e atención. Levamos connosco a certeza de que educar é, ao mesmo tempo, saber facer, ser e saber estar. Agardamos repetir moi pronto, seguirmos aprendendo xuntos e construír unha comunidade onde o cariño e a escoita sexa sempre o primeiro coidado que se lles ofrece ás persoas. 

É unha sorte contar con xente coma vós, persoas que decidiron unirse para crear algo tan importante: un lugar de apoio, comprensión e acompañamento para quen máis o necesita. Nun momento no que moitas persoas non poden pedir axuda por si mesmas, estades aí, ofrecendo o voso tempo para comprendelos aportando valores: cariño, paciencia e humanidade. 

O voso compromiso fai máis levadeiro un camiño moi difícil para moitas familias. Grazas por crear ese ambiente de proximidade e solidariedade, por non deixar a ninguén só e perdido no camiño da vida, facendo fronte ao “síndrome do coidador queimado”, dando espazo e pulmóns para un respiro familiar e por demostrar cada día que a empatía e os coidados poden cambiar e mellorar vidas, alongalas e dignificalas. 

Grazas de corazón por todo o ben que facedes. Queremos dedicar esta frase á vosa asociación, quen de conseguir transformar un sentimento colectivo nunha gran acción:

“Estou convencida de que os heroes máis grandes son aqueles que cumpren cos seus deberes diarios e os seus asuntos mentres o mundo xira ao seu redor. Creo que os sentimentos se perden nas palabras. Todos deberían ser transformados en accións, en accións que traian resultados”. — Florence Nightingale. (Nai da Enfermería) 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

5.6.26

Resumo da V Feira TecnoCienciArte

Este curso a feira de tecnoloxía, ciencia e arte celebrouse o luns 1 de xuño e nela participaron 28 proxectos de diferentes departamentos. Nesta presentación expóñense a maior parte dos vosos traballos: 


4.6.26

Reflexión sobre os retos propostos en Sostenibilidade de 1º CS AF

O alumnado de 1º CS Administración e Finanzas estivemos traballando nun proxecto na materia de Sostenibilidade. Abarcamos dende o 2º trimestre ata agora, preto xa do final de curso. 

Organizados por grupos, debiamos darlle resposta a un reto. O mesmo podía ser escollido por nós, pasando diferentes fases: dende analizar a zona para avaliar cales son as necesidades principais do noso día a día, ata organizar chuvias de ideas para descubrir as solucións posíbeis. Todo isto é moito máis difícil do que parece. Escoller o reto xa non é tarefa fácil. Existen unha infinidade de temas que poderiamos abordar, mais foi iso mesmo o que nos levou a ter un total de tres retos completamente diferentes na nosa clase, para os que encontramos solucións creativas e viables. O proceso foi longo, pero divertido. Vivimos de preto o traballo en equipo, esencial dende o primeiro momento. Coñecer os compañeiros é importante para saber como funcionamos cada un no traballo. Saber adaptarse, ter empatía, escoitar ao do lado, saber comunicar a túa opinión... Todo iso foi o noso pan de cada luns pola tarde. O proxecto foi algo moi positivo. Posibilitou unha maneira de soltarnos, de coñecernos, de pensar con creatividade, de abrir a mente a novas ideas (incluso as que nos poderían parecer máis aloucadas). 

Persoalmente, a min encantoume o traballo. Ao principio estaba moi perdida. Moitas opcións, non sabes ben que escoller, non sabes como vas traballar co equipo... Mais todo despois flúe como debe. Segundo iamos tendo máis clara a idea, mellor o pasabamos investigando e propoñendo ideas. Riamos moito, dende o principio ata a fin. E considero que é unha das cousas máis relevantes para desfrutar o proceso: saber rir cos compañeiros, amenizar o ambiente. 

Levamos a cabo dende cuestionarios nos que participaron algúns dos nosos compañeiros dos ciclos administrativos básico e medio, ata un vídeo chamado “elevator pitch” co que non o puidemos pasar mellor. Foi toda unha aventura. O día que o gravamos non tivemos máis opción que quitar a vergoña. Falar á cámara non é doado, e moito menos con xente ao redor, xa que nós situámolo na estación de buses de Burela. 

O noso reto consistiu en darlle resposta a unha necesidade moi presente na comarca: a pouca flexibilidade de medios e horarios de transporte que existen na Mariña. Pasamos por moitas opcións, a cada cal máis divertida, como instalar “tuc-tucs” como medio de transporte habitual. Mais a mellor idea á que chegamos foi a creación dunha páxina web, onde os usuarios encontraran toda a información de forma rápida e sinxela sobre os horarios de bus e tren, anuncios de bla-bla car, información sobre puntos de aluguer de bicicletas, etc. 

O vídeo enfocámolo dende unha perspectiva dinámica e comercial. O proceso foi moi gracioso porque algunhas escenas foron difíciles de gravar (con numerosos ataques de risa), pero tamén vivimos a maxia do directo, podendo subirnos a un autobús grazas á amabilidade dun dos condutores que alí aparcaban. Sen dúbida, foi unha experiencia que nos uniu máis como grupo. 

Deste proxecto levo os recordos e as anécdotas. Ao final, non deixa de ser unha práctica para o noso futuro laboral. É esencial saber traballar en equipo, saber falar en público e defender a nosa idea, ademais de pensar con creatividade, sen medo a comunicar a nosa opinión. Pero tamén é importante respectar as ideas dos demais, escoitar ao próximo, decidir en consenso co grupo. Aprendes a adaptarte á situación, a ter actitude, a propoñer e levar a cabo ideas (a base de proba-error, vendo cales funcionan e cales non) e, sobre todo, a desfrutar o proceso de aprendizaxe, que é o motor principal dunha boa educación. 

Podedes ver algúns dos "elevator pitch" neste reel e tamén neste

Lucía López López - 1º CS AF

29.5.26

O IES Perdouro participa no programa Quérote +

Un ano máis, o Instituto de Ensino Secundario Perdouro de Burela participa no programa Quérote +. O profesor Daniel Irimia desenvolveu as oito fichas nos grupos 3º ESO A e B e a profesora Susi Balseiro fixo o propio en 3º ESO PDC. 

Quérote + é un programa que trata da sexualidade, a diversidade LGBTIQ+, benestar emocional, promoción do bo trato, prevención de ITS e embarazos non planificados. Inclúe un consultorio anónimo sobre dúbidas (respondido por expertos/as); aclaracións sobre as diferenzas entre sexo, sexualidade e erótica; identidade vs orientación; promoción de relacións afectivas sas; os perigos da tecnoloxía nas relacións; o consentimento e os anticonceptivos como método de previr embarazos non planificados (e algúns, tamén as ITS). 

Estes contidos, que están no currículo das materias de Bioloxía e Xeoloxía, e no Ámbito Científico-Tecnolóxico, son moi necesarios para a correcta formación da mocidade. 

Podes consultar algunhas fotos realizadas durante o programa Quérote + AQUÍ.

Fernando Losada Rodríguez - xefe do dpto. de Bioloxía e Xeoloxía

Presentación da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

Este luns 25 de maio tivo lugar no salón de plenos do Concello de Burela a presentación do n.º 93 da Revista Galega de Educación. Esta edición é un monográfico sobre a radio, un medio de comunicación moi efectivo como ferramenta educativa e cun gran potencial transformador no proceso de aprendizaxe.

Participaron no acto Rita Gradaílle Pernas, profesora titular de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, e Bernardo Penabade Rei, dinamizador sociocultural, defensor da inclusión e da multiculturalidade e profesor de lingua galega. Por parte do IES Perdouro, asistiron á presentación Miruca Parga, coordinadora da radio do centro; Karina Parga, directora técnica, e María García Jartín e Javier Mogo Torrado, profesores do departamento de Administrativo e colaboradores na produción e asesoramento do alumnado no estudio de radio. 

Foron os estudantes os que dinamizaron a presentación entrevistando a Rita Gradaílle e a Bernardo Penabade. Do Ciclo Superior de Administrativo participaron Adela Castiñeira, Lucía López e Carla L. Martins. De 4º ESO, os entrevistadores foron Sara Villarquide e Hugo Fernández. 

Rita Gradaílle destacou o papel da radio como recurso didáctico e puxo en valor as experiencias de diferentes centros educativos de Galicia, publicadas neste n.º 93 da revista. Salientou tamén o papel da lectura para conseguir fluidez á hora de expresarse oralmente, mais tamén á hora de redactar e de enriquecer o vocabulario. 

Bernardo Penabade afirmou que a radio non serve só para mellorar a competencia lingüística e comunicativa, senón tamén para acrecentar a responsabilidade e dotar de madurez ao alumnado. Tamén manifestou a dificultade de levar adiante proxectos deste tipo, que reciben moitos apoios mentres son teóricos, mais que se atopan con considerables atrancos cando se poñen en práctica. 

A conclusión de todos os docentes foi que a radio, como ferramenta didáctica, produce resultados moi satisfactorios e, en moitas ocasións, marca o futuro académico e profesional dos estudantes que participan nela. 

Asemade, o medio radiofónico debe estenderse fóra das paredes das aulas e manter a interacción necesaria coa sociedade. Neste sentido, Miruca Parga, presentadora do acto, subliñou a colaboración mutua entre o IES Perdouro e o concello de Burela, representado polo tenente da alcaldesa, Mario Pillado. 

Proxecto Neo, un programa con 15 anos de vida 

A Revista Galega de Educación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega destacou a traxectoria de Proxecto Neo, o programa de radio escolar do IES Perdouro que naceu en 2012 co obxectivo de poñer en valor os neofalantes. 

Este proxecto comezou en Radio Burela, emisora municipal desaparecida hai tres anos. Actualmente, o estudio de gravación deste programa de periodicidade semanal está situado no IES Perdouro e o equipo de radio está formado por nove docentes do centro e máis de sesenta estudantes que participan de forma habitual, á parte doutros compañeiros que o fan de modo puntual. A responsable das reportaxes gráficas é a fotógrafa Lucía Rivas. 

Unha ducia de rapaces son os locutores máis asiduos que, de xeito voluntario, acoden os mércores de 17:00 a 18:00h para gravar os guións dos programas semanais e as entrevistas telefónicas presenciais e telefónicas. As seccións fixas do programa, con forma de podcast, soen elaborarse en horario de mañá.

Ademais disto, mensualmente emítese un espazo dedicado á saúde en colaboración coa Estratexia de Promoción da Saúde e de Prevención do concello.

Podes acceder a máis imaxes AQUÍ

25.5.26

Visita de Antón Mazaira

O día 21 de abril visitounos, na clase de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º BAC, Antón Mazaira, un antigo alumno do Centro.  

Antón estudou o Grao de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela e opositou, logo de cursar un máster, para o Instituto Nacional de Estatística (INE), onde traballa en Madrid. 

Neste encontro falounos dos motivos que o levaron a realizar os estudos de Matemáticas e de como viviu o tempo que pasou na facultade. Tamén nos comentou o traballo que realiza no INE, así como diversos aspectos relacionados con este organismo. A través dunha charla agradable e amena, aprendimos moito e gozamos da experiencia de falar con Antón que, ademais, ten un perfil premiado de Tiktok e Instagram, que leva o nome de antontisimo, onde trata contidos de temática variada.

Presentación pública do novo Espazo de tecnoloxía aplicada do departamento de Imaxe persoal

No IES Perdouro de Burela estreamos unha nova aula de Estética de mans e pés, un espazo moderno e equipado coa última tecnoloxía. 

Este proxecto foi seleccionado na Resolución do 24 de xuño de 2025 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se resolve a convocatoria do programa Espazos de tecnoloxía aplicada na Formación Profesional no ano 2025, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

No IES Perdouro seguimos innovando para preparar o futuro do noso alumnado.

Presentación do nº 93 da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

A Revista Galega de Educación continúa a súa xeira de presentacións arredor do número 93, dedicado á radio escolar, cunha programación que levará o proxecto a diferentes puntos do país nas vindeiras semanas. 

O luns 25 de maio, ás 17:00 h, o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá a presentación baixo o lema “A radio escolar”, coa participación de integrantes do Proxecto Neo, representantes do Consello Editorial e alumnado do IES Perdouro, que será tamén o encargado de moderar e dinamizar o acto.

17.5.26

Día das Letras galegas 2026: Begoña Caamaño

 Este ano a autora homenaxeada no Día das Letras é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista comprometida co galego, co feminismo e con moitas causas que apoiou con firmeza e convicción. 

Deixounos programas de radio nos que fomentou o coñecemento e a defensa da cultura galega; legounos novelas como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, nas que revisou personaxes femininos míticos e literarios dándolles unha proxección innovadora e, sobre todo, herdamos reflexións que continúan estando de actualidade. 

Esta exposición foi elaborada polo alumnado de 3º ESO PDC coa colaboración de César Veiga, coordinador do EDLG, que realizou unha escolma con reflexións extraídas de entrevistas que lle realizaron a Begoña Caamaño en distintos medios. Dar a coñecer o seu pensamento é a nosa pequena homenaxe. 


15.5.26

Intercambio de lingua galega: Burela - Vila de Cruces


INTERCAMBIO EN BURELA

O 5 de maio do 2026, os nosos compañeiros e compañeiras do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces chegaron ao noso instituo e foron recibidos na biblioteca. Logo diso, aí ás 11:30h, baixamos todos xuntos ata o porto de Burela, un lugar moi especial e importante da nosa vila. 

Dividímonos en varios grupos e visitamos algunhas zonas como a Moncloa, o barco-museo e contamos con algunha charla como a dunha redeira que nos explicou en que consiste o seu traballo. Tamén escoitamos a algúns mariñeiros xa retirados. 

Antes de finalizar a visita comemos todos xuntos na praza, xogamos, socializamos e levamos moi bos recordos. 

Alba Doñate Trigo – 2º ESO D

 INTERCAMBIO EN GRES - VILA DE CRUCES

Nós, o alumnado de 2º da ESO, tivemos unha excursión a unha preciosa aldea chea de cultura e historia chamada Gres, en Vila de Cruces. Os alumnos do instituto da vila mencionada antes e nós fixemos un intercambio. O martes 5 de maio viñeron os alumnos de Vila de Cruces a ver e aprender sobre Burela e o luns 11, fomos nós. 

14.5.26

Graduación de 2º de Bacharelato 2026


O noso alumnado de 2º de Bacharelato remata a súa etapa de Educación Secundaria. Para moitos deles foron seis anos nas aulas do IES Perdouro nos que compartiron estudos, charlas, obradoiros, viaxes...

Onte celebraron a súa graduación nunha cea agradable na que coidaron os preparativos. Todos tiñamos un sobre con propostas para facer retos e xogar en grupo. Escoitamos discursos sinceros e emotivos que nos chegaron ao corazón. Ademais disto, repartiron diplomas personalizados a todo o profesorado usando a ironía. Aos profes fíxolles moita ilusión. 

Despois da cea, celebramos a graduación con música e baile e hoxe pola mañá estaban puntualmente a primeira hora para dar recibimento aos compañeiros e docentes que intentaban esquivar as súas bromas como podían. 

Aínda nos imos ver nestes días, ata que chegue a PAU, pero que saibades que estas portas sempre seguirán abertas para vós, para que veñades contarnos como vos vai, porque nos gustará saber que ides cumprindo os vosos soños. 

Moitos parabéns por rematar esta etapa e moita sorte para o futuro!

AQUÍ tedes algunhas imaxes da xornada de onte. 

11.5.26

Encontro literario con Aitana Castaño

O venres 8 de maio o alumnado de 1º Bacharelato tivo a sorte de poder asistir a un encontro literario con Aitana Castaño, unha famosa escritora licenciada en xornalismo orixinaria da cunca mineira de Asturias, cuxa traxectoria profesional é apaixonante. Escribiu varios libros que acadaron gran recoñecemento, ademais de colaborar en xornais como La Nueva España ou La Voz de Asturias

Tras ler a súa última obra Las Madrinas, foi un pracer poder coñecer de onde sacou a inspiración e o sentido da súa elección de temática e personaxes. 

A autora narra como, desde hai anos, a cunca mineira se caracteriza polo traballo na explotación de minerais, especialmente o seu lugar natal, Langreo, que conta cuns 200 habitantes. A maioría dos homes, mesmo seu pai e os pais das súas amizades, eran empregados das minas. Era o destino de todos os estudantes tras rematar a ensinanza obrigatoria. Porén, cando ela estaba cursando o que hoxe é Bacharelato, as minas comezaron a pechar, polo que deixou de ser o traballo que moitos esperaban. Iso significou unha traxedia para os residentes da comarca. “Ellos yeren la primera xeneración con un futuru diferente”, asegura con certa morriña a autora. Agora é posíbel a visita destes pozos públicos, podendo baixar centos de metros ao interior nunha gaiola e percorrer algunha galería dentro da terra.

7.5.26

V Olimpíada de Robótica da EPEF

O pasado venres 17 de abril, os alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Perdouro fomos á V Olimpíada de Robótica en Ferrol, unha competición organizada pola Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) xunto ao Campus Industrial da UDC, destinada a estudantes de ESO de toda Galicia. 

O obxectivo deste certame é fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas, desenvolvendo o pensamento lóxico, a creatividade e a resolución de problemas mediante a robótica educativa. Cando chegamos ao polideportivo onde se ía celebrar a olimpíada déronnos unha tarxeta de acreditación aos líderes de cada grupo, xunto cun horario onde poñía a que hora ía ser cada reto e contra quen competiamos. Estivemos uns minutos probando e dándolle os últimos retoques a cada programa antes do comezo das probas para que saísen o mellor posible. 

O primeiro reto que realizamos foi a proba do "Varredor", a cal consistía en expulsar catro latas colocadas nunha plataforma circular elevada. Esta primeira proba non nos saíu moi ben en xeral, xa que foi a que menos tempo tivemos para practicar. 

A seguinte proba foi o "Segue-liñas", que consistía en que o robot seguise unha liña e esquivase unhas latas colocadas no medio do circuíto. Neste reto, a maioría dos grupos conseguimos bos resultados, aínda que non o suficientemente bos coma para conseguir un premio. 

Por último, realizamos unha quenda de roldas eliminatorias do reto do "Sumo", no cal tiñamos que expulsar o robot inimigo dun ring, conseguindo chegar un dos equipos a cuartos de final. 

Ao finalizar a competición, fomos ao auditorio da Escola Politécnica de Ferrol, onde nos deron a todos os participantes unha medalla e logo realizaron a entrega de premios por categorías. Recibíronnos o director do centro, Vicente Díaz Casás e Esteben Jove Pérez, quen conduciu o acto. 

Ao rematar a cerimonia, subimos ao bus camiño ao centro comercial Odeón para comer e ter tempo de lecer, aínda que algunhas tendas estaban pechadas por folga. Sobre as 16:30 h partimos de novo cara a Burela, a onde chegamos ás 18:30 h, facendo o traxecto pola estrada da costa. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Iria Cortegaza, Diana Balsa e Sofía Ben - 4º ESO A e B

14.4.26

OLIMPÍADAS DE XEOLOXÍA 2025 E 2026

O martes 2 de setembro de 2025 recibimos ao noso recente campión olímpico, Hugo Gorgojo Basanta, que gañou 3 medallas na Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía (IESO): prata en "International Field Team Investigation" e bronce en "Earth Science Project Category" e en "Individual Test Category". Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO. 

O mércores 4 de febreiro de 2026, catro alumnos de 4º ESO e catro de 1º de Bacharelato participaron na primeira fase da XVII Olimpíada de Xeoloxía, que foi no noso centro debido a unha folga de autobuses que impediu viaxar a algúns participantes ao destino onde se ía celebrar. Comezaron ás 11:00 h., tendo uns minutos antes para repasar, poder comer algo e coñecer á supervisora, Laura Fernández López, grazas á cal puideron celebrar a olimpíada no IES Perdouro. 

A primeira proba foi a grupal, a xincana. Nela entregáronlles distintas preguntas con fotografías relacionadas para contestar entre todos os compoñentes dos dous grupos; tras moito debater as respostas, esgotaron o tempo e comezaron o seu descanso previo ao test individual. Neste test había moita variedade de preguntas, dende cortes xeolóxicos e sismoloxía, ata visu de rochas ou formacións xeolóxicas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ e tamén AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...