5.3.19

Entrevista a Antía Yáñez

Por Irene Basanta Díaz - 2º ESO A

O venres 22 de febreiro visitou o IES Perdouro a escritora e ex-alumna do centro, Antía Yañez, e os alumnos de 2º ESO fixémoslle unha entrevista:

- Por que che gusta tanto escribir?
- Gústame escribir porque de pequena gustábame moito ler, pero todos os libros que lía, para min, tiñan algo que cambiaría, entón comecei a escribir para poder facelos ao meu gusto.

- Como descubriches que tiñas un don para escribir?
- Eu chamaríao facilidade, non don, pero descubrino cando ía en 3º de carreira e como non me gustaba moito o que estaba estudando, comecei a escribir.

- Se non che gustaba estudar esa carreira, por que a elixiches?
- Elixina porque non sabía o que estudar cando acabei o bacharelato e como me gustaba A Coruña, mirei as carreiras que había e como a carreira con máis saídas laborais era Enxeñería, comecei a estudar iso. Acabeina, pero logo dediqueime á literatura.

- Cal foi o primeiro libro que publicaches?
- O primeiro libro que publiquei foi O Misterio de Portomarín no 2016, cando tiña 24 anos, pero escribín moitos relatos curtos para a biblioteca de Burela e para outros certames.

- Os teus pais apoiáronte na decisión de ser escritora?
- Ao principio eles crían que escribir non me ía dar de comer, pero agora apóianme porque ven que me gusta o que fago e aínda que me gustaría vivir só da escritura, por agora teño que facer outras cousas como traballar nunha academia e ir dar charlas a colexios e institutos.

- Acórdaste dos primeiros libros que liches? Con que idade ?
- Os primeiros libros que lin non os recordo porque era moi pequena, pero Agustín Fernández Paz para min foi un referente escribindo en galego e, despois, a saga de Harry Potter, que me gustaba moito xa que crecín canda o personaxe.

- Cal é o teu autor favorito agora mesmo?
- Agora mesmo é Arantza Portabales e tamén me gusta Nuria Varela (que escribe ensaios) pero se me preguntas a semana que vén, seguro que che digo outros distintos.

- Por qué escolliches Portomarín para ambientar o teu libro?
- Escollín Portomarín porque os meus avós son dunha aldea de preto de alí, en Paradela, e cando pasaba por Portomarín imaxinábame baixando ao río e descubrindo tesouros.

- É verdade que se atopou un cadáver en Portomarín?
- Non, iso foi a miña imaxinación e, como dixen antes, imaxinábame atopando tesouros no río, pero despois cheguei á conclusión de que as persoas que viviron alí, ao ter que abandonar as súas casas, levarían todos os obxectos valiosos consigo, así que cambieino por un cadáver para facelo máis real.

- Os personaxes dos teus libros son reais?
- En Senlleiras hai personaxes reais, pero ideei moitos personaxes baseados en persoas reais, por exemplo, os protagonistas d’O Misterio de Portomarín, están baseados nos meus veciños.

- É verdade que vas publicar un libro ambientado en Burela?
- Si, a segunda parte d’O Misterio de Portomarín, que se titula O Misterio do Torque de Burela e sae en abril.

- Por qué o fixeches ambientado en Burela?
- Porque eu, de pequena, sempre quixen ler libros sobre Burela, pero non había, entón decidín facer eu o meu.

- Viaxaches a algún sitio para buscar inspiración?
- A ver, fun a Portomarín, aínda que xa estiven alí máis veces, pero agora quero ir visitar un manicomio abandonado para ambientar a miña próxima historia.

- Como te documentaches para escribir Senlleiras?
- En Senlleiras (que está inspirado nun podcast de 4º Milenio) sabía que tiña que haber unha morta, unha pantasma e unha historia do pasado e inventei unha trama arredor da violencia de xénero. Tamén incluín noticias dos anos 20, que busquei en xornais da época.

- Cantas edicións e cantas copias vendidas teñen os teus libros?
- Senlleiras ten 3 edicións e vendemos máis de 2000 exemplares e O Misterio de Portomarín ten 5 edicións e tamén vendemos máis de 2000 exemplares.

- E canto tempo tardaches en escribilos?
- Senlleiras tardei 5 meses e O Misterio de Portomarín, 3 ou 4.

- Cal é dos libros que publicaches ti o teu favorito?
- Esa é unha pregunta moi difícil de contestar, pero ao Misterio de Portomarín téñolle un cariño especial porque foi o primeiro libro que escribín, pero non teño ningún favorito.

- Cantos libros levas escritos, aínda que non os publicaras?
- Escribín 5 libros en 4 anos e moitos relatos.

- E cal é o teu horario para escribir?
- A verdade é que non teño, xa que vou por tramos. Hai meses que non escribo nada e outros nos que escribo mañá, tarde e noite por medo a que  me esquezan as ideas.

- Gústanche máis os libros de papel ou os electrónicos?
- Aínda que os electrónicos son máis prácticos, gústanme máis os de papel porque me agrada o seu olor e gústame ver cantos teño, xa que tamén os colecciono. Pero penso que dá igual o formato porque a min engánchanme igual uns que os outros.

- Que xénero literario che gusta máis escribir?
- Eu escribo novelas e relatos porque a poesía paréceme dun nivel superior.

- E para que idade che gusta máis escribir?
- Segundo as ideas que teña, escribo para un público ou outro. Sabía que Senlleiras ía ser para un público adulto polos temas que se tratan e O Misterio de Portomarín para un público xuvenil porque xa hai moitas novelas de investigación para adultos pero non tantas para nenos, aínda que case todas as miñas ideas son para libros xuvenís. Será porque aínda me sinto unha nena!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...